Ao abeiro da rede de investigación ELC, os estudantes de posgrao de lingüística inglesa de Galicia toman as rendas unha vez máis para organizar a terceira edición do Congreso Internacional de Posgrao sobre Lingua e Cognición, ELC3, que se celebrará o vindeiro mes de setembro en Santiago de Compostela. Os organizadores agardan a participación de arredor de 150 investigadores e estudantes de diversos lugares do mundo, e teñen xa confirmada a participación de varios conferenciantes plenarios de universidades nacionais e internacionais.
O ELC3 ten como obxectivo proporcionar ao estudantado de posgrao de lingüística inglesa e ciencias cognitivas, psicolingüística en concreto, a oportunidade de presentar e discutir as súas investigacións nun ambiente informal e estimulante. Por este motivo o evento, que vai pola súa terceira edición, está organizado directamente polos estudantes de posgraos dos departamentos de Inglés de ambas universidades que abren as fronteiras para recibir compañeiros de calquera país.
O congreso celebrarase os 21 e 22 de setembro en Santiago e nel terán cabida traballos sobre o estudo da linguaxe e a comunicación en campos tan diversos como a “gramática e a morfosintaxe, lingüística histórica, sociolingüística, psicolingüística, oralidade, desordes lingüísticas, análise do discurso, pragmática, lexicoloxía e semántica, lingüística de corpus e contrastiva, lingüística aplicada á ensinanza de primeiras e segundas linguas, adquisición lingüística, etc.”, segundo explica Javier Pérez Guerra, investigador principal do grupo vigués Variación lingüística e categorización textual, un dos cinco integrados no Círculo de Lingüística Inglesa.
A rede prepara as estratexias do 2012
O congreso organízase co apoio da rede de investigación Círculo de Lingüística Inglesa, constituída en decembro de 2006 coa implicación de cinco grupos de investigación vigueses e santiagueses. Na actualidade forman parte do ELC 80 membros, a maioría dos especialistas en lingüística inglesa de ambas institucións, así como un amplo grupo de investigadores e investigadoras da área de Psicoloxía Experimental que traballan en ámbitos aplicados como o bilingüismo, o autismo ou o manexo de emocións.
ELC ocupa unha posición destacada dentro das unidades de investigación competitivas do SUG, pois acadou financiamento ininterrompido da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica en todas as convocatorias ás que concorreu en 2006, 2008 e 2011. Os seus membros reuníronse recentemente na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo para planificar as súas liñas de actuación para este ano. Ademais do congreso de posgrao, continuarán desenvolvendo accións de difusión da súa actividade investigadora e formativa entre o alumnado de grao e posgrao do SUG a través de seminarios de investigación como o que se celebrará no mes de marzo en Vigo.
Balance de cinco anos de traballo
A rede xira arredor da cognición humana e a súa interrelación con ámbitos diversos como o bilingüismo, a adquisición de primeiras e segundas linguas, a variación morfosintáctica e o cambio lingüístico, a prevención de trastornos da fala, etc. Dende a súa constitución as actividades plasmáronse na organización de varios simposios nacionais e internacionais; nun importante labor de formación de doutores con 15 teses defendidas nos últimos cinco anos; na obtención de numerosos proxectos nacionais e europeos; nunha forte presenza da rede en consorcios e redes internacionais; así como na colaboración con empresas e institucións para levar a cabo estudos sobre aspectos como os procesos de verificación do nivel de inglés das universidades españolas, por encargo do British Council, ou o deseño e construción dun corpus de aprendices de español, por encargo do Instituto Cervantes.
Baixo a coordinación de Teresa Fanego, no ELC traballan cinco grupos de investigación, dous vigueses dirixidos por Javier Pérez Guerra e Rosa Alonso, e tres composteláns coordinados pola propia profesora Fanego, Ignacio Palacios e Isabel Fraga.
[Source: Xornal UVigo, 24/01/2012]


